O BNG de Xove non acude ao acto de sinatura do convenio polo que se ceden as estradas provincias ao Concello de Xove por non terse debatido previamente no Pleno

O BNG de Xove non acude ao acto de sinatura do convenio polo que se ceden as estradas provincias ao Concello

O BNG de Xove vén de publicar nas súas redes sociais un comunicado explicando a súa ausencia no acto sinatura do convenio polo que a Deputación de Lugo cede ao Concello de Xove a totalidade das estradas provinciais. “ Decidimos non acudir a este acto organizado pola Deputación de Lugo xa que este convenio non pasou previamente polo Pleno e cremos que, máis alá do peor momento económico posible para o concello, hai moitas cuestións que plantexar ao equipo de goberno antes de acceder a sacar unha foto con un convenio que claramente beneficia á Deputación de Lugo e empobrece ao noso concello” indica Pilar Vázquez, voceira do BNG de Xove.

 

O debate sobre este convenio terá lugar nun Pleno extraordinario este mes

 

“Como indicaba  antes, hai moitas cuestións que clarificar e cremos que o debate ten que darse primeiro nas institucións e posicionarémonos sobre este acordo no momento do Pleno mais xa adiantamos que parécenos un mal acordo para a veciñanza de Xove a longo prazo, tendo en conta a situación económica que atravesamos”, conclúe a nacionalista.