O BNG XOVE RECLAMA TRANSPARENCIA E INFORMACIÓN AO CONCELLO

Grupo municipal do BNG Xove

 

O BNG de Xove reclama transparencia, información e protocolos para garantir a seguridade sanitaria no Concello de Xove polo rebrote da COVID-19

O BNG de Xove reclamamos transparencia, información e protocolos para garantir a seguridade sanitaria no concello de Xove polo rebrote da Covid19.

10 de xullo de 2020

O BNG de Xove denunciamos publicamente a improvisación e irresponsabilidade do alcalde e goberno do PP desde o inicio deste rebrote, primeiro tentando minimizar o problema e despois ocultando información á veciñanza. De feito, a día de hoxe, seguimos sen un protocolo de actuación para afrontar este brote, que desde o BNG levamos semanas reclamando.

O 24 de xuño Xove convertíase no epicentro de novas nacionais e internacionais polo rebrote do coronavirus na Mariña. Tan só dous días máis tarde o rexidor do PP de Xove, Demetrio Salgueiro, daba por controlado o brote nunha entrevista á televisión. Por desgraza, non podía estar máis lonxe da realidade: os casos seguen en aumento, contamos xa con 200 contaxios na comarca. E subindo.

Hoxe, a día 10 de xullo, todo o concello está confinado, pechado por unha alarma sanitaria. Hai veciños nosos que están contaxiados, non sabemos cantos porque o goberno municipal do PP non practica o dereito á información. Hai veciñas nosas illadas no seu domicilio, tampouco sabemos cantas porque o goberno municipal de Xove non considera necesario comunicarse co pobo. E aínda máis, non sabemos cando nin como está a ser garatinda a súa saúde, porque o goberno do PP da Xunta de Galiza non cre importante elaborar un protocolo de seguridade sanitaria para coidarnos neste tempo de rebrote.

A realidade é que no BNG de Xove compartimos as inquedanzas de todas as persoas veciñas que estes días contactástedes con nós, preocupadas polo aumento do virus na Mariña, tal e como relatan os medios de comunicación. Non compartimos, sen embargo, a razón pola que o alcalde nos oculta os datos de persoas contaxiadas e en seguimento domiciliario, mentras dirixentes de concellos limítrofes fan públicas ditas cifras para tranquilizar á poboacion. Unha razon electoral e non sanitaria, que crea unha situación de aínda maior alarma e preocupación no noso concello.

Non a compartimos porque, como xa sabedes, o 3 de xullo anunciamos a cancelación da campaña electoral por responsabilidade política e social co noso pobo. Non a compartimos, porque o 5 de xullo solicitamos suspender as eleccións na nosa comarca por seguridade sanitaria; e non a compartimos porque para nós, o BNG de Xove, o máis importante é a saúde de todas as nosas veciñas e veciños.

Por iso, exixímoslle ao goberno do PP de Xove e ao seu alcalde que non confinen os nosos dereitos: merecemos transparencia nos datos, información á veciñanza e claridade nos protocolos para garartirmos a seguridade sanitaria de todas as veciñas e veciños do noso concello. Porque as vidas da nosa xente están por riba de todo!

Saúde, moita saúde pra todas e todos!