Hoxe publicouse nun xornal da provincia unha entrevista ao rexidor do noso concello, o cal recolle o seguinte titular “ non estou de acordo coa lei de paridade, hai homes e mulleres válidos”. “Dende o BNG cremos que non son as palabras axeitadas para quen ocupa un posto como o de alcalde. A lei de paridade foi un avance e supuxo unha oportunidade para moitas mulleres que vían como se lles pechaban portas por razón do seu xénero. É algo que se promoveu a base de directivas europeas como a 2002/73 da Comisión Europea e polo que tamén fixo recomendacións a ONU. Por iso, entre outras cousas, parécenos incrible ter que atender a estes comentarios en pleno 2025” advirte a súa voceira Pilar Vázquez.
Fálase da validez dos homes e das mulleres
“Este comentario que poderíamos escoitar en calquera ámbito informal foi titular dunha entrevista realizada ao alcalde de Xove que, parece esquecer, representa á totalidade dos seus veciños e veciñas. Tamén esquece que no grupo do Partido Popular na Deputación de Lugo non houbo cabida para unha soa muller dos 12 deputados cos que contan, así pois seguindo a súa lóxica, non debía haber unha soa muller válida entre todas as alcaldesas e concelleiras do Partido Popular na provincia” incide Vázquez. “ Por darlle a razón en algo, efectivamente, existen homes e mulleres con valía, o problema é que ata o momento desta lei, moitas mulleres con “valía” e “sen ela” - é dicir, mulleres a secas- non tiñan oportunidades para acceder a segundo que postos de traballo simplemente polo feito de ser muller, non porque non fosen válidas”. “ Por desgraza queda moito camiño que andar para chegar a unha igualdade plena pero vanse dando pasos en todas as áreas laborais e pensamos que criticar esta lei e logo saír nunha foto o 8M vestido con unha camiseta lila non é moi coherente” conclúe Vázquez.
Fálase de investimentos e a situación económica do Concello
“Nesta mesma entrevista coméntanse as actuacións desenvoltas nestes dous anos e promesas como o pantalán de Morás que levan agardando os usuarios prácticamente dende hai vinte anos. Tamén chama a atención que destaque que o 80% dos ingresos veñen de ALCOA e que debido á situación actual os ingresos son moito menores, cando se acaba de asinar un convenio coa Deputación de Lugo polo que se cede a totalidade das estradas provinciais ao concello, pasando a ser os únicos responsables económicos e de danos das mesmas. Quén vai manter as estradas municipais se, finalmente, pecha a factoría ou seguimos nesta situación de incerteza? O que está claro é que este equipo de goberno non está pensando a longo prazo no noso concello e iso preocúpanos moito, tampouco parece facelo o outro partido da oposición que ve con bos ollos a sinatura deste convenio. Dende o BNG queremos que Xove teña futuro e estamos dispostos a gobernar pensando no futuro e non en cumprir temporalmente promesas electorais” conclúen os nacionalistas.