Liquidación do orzamento
No debate plenario deste luns, o BNG lembrou que xa advertira no mes de decembro de 2024 do pouco realista que resultaba o orzamento aprobado para 2025. “É evidente que ninguén quere verse nesta situación, máxime tendo en conta o que recolle a interventora no seu informe sobre a peculiaridade do noso concello, pero as previsións debían axustarse á realidade”, sinalaron.
En relación coa situación industrial, a formación recoñeceu que o apagamento foi unha causa de forza maior. Porén, a previsión era que as cubas arrancasen no primeiro trimestre e estivesen prácticamente ao completo no mes de outubro. Iso implica que a actividade sería progresiva ao longo do exercicio e non plena desde o inicio do ano. Ademais, tendo en conta como ALCOA se dá de alta no IAE, non se recuperarían cifras previas a 2023 ata o último trimestre. A pesar disto, o orzamento elaborouse contando cos 3 millóns de euros das épocas de maior actividade industrial, cando nos exercicios anteriores os ingresos reais por este concepto foran de 17.000 € e 200.000 € aproximadamente.
Para o BNG, esta forma de elaborar o orzamento supón trasladar unha imaxe de normalidade que non se corresponde coa situación real e perpetuar un desequilibrio que logo se confirma na liquidación.
Case once millóns de euros de remanente en tres anos
A formación tamén fixo referencia á evolución do remanente de tesourería. Dos case 19 millóns de euros existentes en 2023, quedan na actualidade arredor de 8,5 millóns dispoñibles. “Non é que non queiramos que se toquen eses cartos, senón que entre tanto parche e modificacións de crédito, hai grandes infraestruturas como a mellora na rede de abastecemento que seguen sen acometerse. Os servizos deste concello son o orgullo de todos nós pero iso non xustifica as trampas ao solitario que se fai o equipo de goberno”, concluíron.
Plan Económico-Financeiro
A formación tamén fixo referencia ao feito de que non se vaia elaborar o Plan Económico-Financeiro que implica un escenario de inestabilidade orzamentaria. Segundo se informou, non houbo máis directrices que un ti vai facendo galego por parte da administración de Facenda da Xunta de Galiza. O BNG agarda que esta interpretación se aplique con igualdade a todos os concellos e non só a aqueles nos que goberne o Partido Popular.
Desde o BNG de Xove agardan que o equipo de goberno saiba encarar esta situación con responsabilidade e acerto, pois será bo para o conxunto da veciñanza e para o futuro do Concello.