En Xove, a 18 de decembro de 2025.
Segundo os informes emitidos polo laboratorio encargado do control da calidade da auga, detectáronse resultados desfavorables en diferentes redes de abastecemento do concello, con valores irregulares en parámetros como turbidez, trihalometanos, aluminio, colifagos somáticos ou o índice de Langelier. A pesar da existencia destas analíticas negativas, o goberno municipal non trasladou aviso ningún á veciñanza nin recomendou a suspensión temporal do uso da auga para consumo doméstico.
Durante o Pleno, o alcalde respondeu ás preguntas do BNG indicando que existían contraanalíticas con resultados favorables que se teñen que presentar en menos de 24h, un período de tempo no que desde o BNG se considera que a poboación debería estar informada ou, cando menos, advertida da posible existencia dunha incidencia para evitar o consumo da auga. Os nacionalistas demandan transparencia, que é o mínimo que merece unha veciñanza que leva anos sufrindo problemas recorrentes de turbidez na auga.
Desde o BNG considérase fundamental que todas as decisións relacionadas co consumo da auga estean baseadas en informes técnicos contrastables, especialmente tratándose dunha cuestión que afecta directamente á saúde pública. A existencia de analíticas con resultados contraditorios fai necesario un seguimento exhaustivo e unha información clara que permita garantir a seguridade do subministro.
Así mesmo, o BNG preguntou no Pleno se os movementos de terra producidos na zona de Gondar tiveron algunha incidencia na calidade da auga e se o Concello pode garantir que estas actuacións non supuxeron alteracións no subministro. Os nacionalistas tamén cuestionaron por que, ante unha situación potencialmente sensible, non se aplicou o principio de precaución solicitando á veciñanza a suspensión temporal do seu uso.
O concelleiro do BNG, Miguel X. García Rodríguez, subliña a importancia de actuar con rigor e responsabilidade cando están en xogo cuestións que afectan directamente á saúde pública e insiste na necesidade de contar con toda a información técnica dispoñible para garantir unha auga segura e de calidade para a veciñanza de Xove.