En Xove, a 30 de abril. O apagamento do pasado luns que afectou a toda a Península Ibérica, tivo consecuencias tamén no funcionamento da residencia xestionada pola Fundación San Rosendo no noso concello. Dende o BNG preocúpanos a situación que viviron os usuarios da residencia - moitos, veciños e veciñas de Xove- que se viron nunha situación precaria e perigosa ao non contar a propia Fundación con xeradores para garantir os servizos básicos daqueles residentes en situación de dependencia como os que precisan respiradores de osíxeno, indica a voceira Pilar Vázquez. Ademáis, a consecuencia do corte de electricidade, os ascensores tampouco funcionaban véndose as traballadoras na situación de axudar aos usuarios a subir polas escaleiras co conseguinte risco que conleva para ambos.
Propostas para o Pleno de xuño
Do mesmo xeito, a voceira nacionalista informa que o seu grupo preguntará ao goberno local se recibiron algunha petición por parte da xerencia e presentarán iniciativas para que esta situación non volva acontecer, instando á Fundación San Rosendo e ao goberno local a velar polo bo funcionamento e desenvolvemento do centro residencial, tendo en conta as bases aceptadas entre as dúas partes.