Baleirado de fosas sépticas:
Despois de moitos anos de peticións por parte do noso grupo municipal pedindo reiteradamente que se tomara en consideración a instauración dunha subvención municipal para o baleirado de fosas sépticas, o Alcalde - despois de prometérnolo ata en tres ocasións en sesión plenaria- accedeu por fin levala a Pleno.
"Esta medida aporta un mínimo de xustiza para equiparar en certo modo os servizos da veciñanza"
Ante a falta de compromiso do goberno local pola construcción dunha rede de saneamento eficaz, esta medida aporta un mínimo de xustiza para equiparar en certo modo os servizos da veciñanza que non contan con saneamento nas súas vivendas e paga igual que o resto.
Aprobación inicial do Orzamento Municipal para 2025:
Cuestionamos a ausencia dunha partida orzamentaria para solucionar o problema da auga ( sobre todo cando asistimos a que se destinan cartos a outras obras de moita menor trascendencia do que é a auga corrente que nos chega ás nosas casas).
Mostramos solidariedade e vontade política colaborativa pola situación que están a atravesar as arcas públicas debido á parada das cubas en Alcoa mais, advertimos do optimismo pouco realista do goberno municipal na redacción dos orzamentos ao ter en conta obras como o recrecido do DBR e o arranque das cubas antes do remate do ano.
Esta redacción pouco optimista ten que ver coa estimación de ingresos, en concreto no apartado do IAE que é onde máis cartos soe ingresar o Concello. Nese sentido, estes últimos anos o Concello veu ingresando 17.722,06€ en 2023, 283.668,78€ en 2024 e conta “por prudencia” no 2025 con 2.180.000€ no tanto dos 2.729.958,70€ que ingresaba habitualmente.
Polo tanto, cuestionamos esta prudencia xa que a situación dos anos anteriores levounos - unha vez establecidas de novo as regras de gasto- a unha situación de inestabilidade orzamentaria.
Do mesmo xeito advertimos que estaremos vixiantes ante o uso que se faga do remanente xa que coa regra de gasto en vigor, haberá que xustificar as súas modificacións atendendo a unha serie de criterios. Entendemos que, de facer uso del, o primordial é atender ao problema da auga.
A continuación deixámosovos cos investimentos orzamentados para o 2025 que, ao noso parecer, son de pouca trascendencia para o conxunto da veciñanza de Xove.
Situación das estradas de Xove/ Sumoas/ Morás:
Preguntamos pola situación das estradas do termo municipal de titularidade da Deputación (Xove/Sumoas/Morás) tras o paso de maquinaria pesada con gran frecuencia polos traballos no DBR e se o Concello recibiu algún aviso por parte da multinacional americana.
Obtivemos garantía da reparación das anomalías por parte de Alcoa e rogamos que se trace un vial alternativo ó paso de maquinaria pesada pola municipalidade.